1000 e 1 blogs en galego (III): Xénero
Blogs e xénero
Sempre consideramos un pouco anacrónico o feito de que a primeira e principal variábel que se incluíu sistematicamente en todos os censos e estatísticas sociais da Historia fose a que distingue por sexo entre mulleres e homes.
Os tempos están cambiando, e agora a xustificación que antes descansaba nas cuestións relacionadas coa reprodución demográfica e/ou o puro e simple sexismo agora debe fundamentarse nas análises en pro da igualdade e da discriminación positiva. Ou iso debera. E nesa liña é que utilizamos o concepto de xénero e non de sexo.
Pero o primeiro, antes de vermos como é a composición humana da blogosfera en lingua galega en canto a xéneros, é separar da análise aqueles blogs que ou ben son de autoría anónima ou ben son de autoría colectiva.
Pois ben, de entrada podemos afirmar que, en materia de xénero, a metade dos blogs en galego non son anónimos, é dicir, se identifican cunha persoa dun xénero determinado. Da outra metade, o 15% idenfícanse cun colectivo -grupos de persoas, asociacións, empresas, institutos e academias de ensino, etcétera-, e só o 35% restante, é dicir algo máis de 1 de cada 3 blogs, si son anónimos ou non se identifican en canto á variábel xénero.
Se queremos analizar a distribución de xénero nos blogs individuais teremos que considerar na súa xusta medida a proporción de mulleres e homes dentro da poboación internauta. Para ilo vémonos forzadas a empregar unha aproximación.
O Informe sobre A Sociedade da Información en Galicia, Situación Actual e Tendencias de Novembro de 2005 publicado, como todos os anos, polo Observatorio TIC da Xunta de Galiza, non ofrece, como todos os anos, resultados por xéneros, malia a que esta variábel está presente en todos os deseños mostrais e cuestionarios en que se basea o informe.
Este feito invítanos a dirixir a nosa ollada cara aos datos estatais, publicados no Observatorio de las Telecomunicaciones y de la Sociedad de la Información dentro dos informes Las Tic en los hogares españoles, onde tampouco se presentan resultados por xénero.
Este novo desencontro obríganos a prescindir das estatísticas públicas (sic) e recorrermos a datos de natureza privada, concretamente aos que produce a AIMC (Asociación para la investigación de medios de comunicación) en dúas estatísticas: a Audiencia de Internet en el Estudio General de Medios, e Navegantes en la red.
A primeira das fontes é a máis fiábel, por ser unha estatística con todas as da lei, mentres que a segunda baséase nun cuestionario autocumprimentado polas persoas que navegan a rede con máis frecuencia e intensidade, o que introduce un biés nos resultados a favor dos homes.
O EGM fala, na súa realización do 3º cuadrimestre de 2005 dun 40,6% de mulleres e un 59,4% de homes, sen que para esta variábel de xénero teñamos datos desagregados por CC.AA. A outra fonte fálanos dun reparto de 29,5% a 70,1% -e un 0,4% non identificado- que confirma a desviación comentada no parágrafo anterior e nos avisa sobre a maior frecuencia e intensidade de uso da internet por parte dos homes.
Perante a falta de máis datos tomamos como referencia da poboación internauta en Galiza unha distribución de 2 a 3 -40% e 60% respectivamente para mulleres e homes.
Pois ben. Os nosos datos, tirados do recenseamento de blogs en galego, indican que o 35% das bitácoras individuais teñen autoras, e un 65% autores. Este 35% de mulleres é un dato lixeiramente inferior ao da distribución media por xéneros da poboación internauta, pero lixeiramente superior ao que navega a rede de xeito máis intensivo. En definitiva, trátase dun dato medio que, cando menos, confirma que a presenza das mulleres na blogosfera é acorde á súa presenza na rede, tendo en conta que a súa intensidade de uso é menor. É dicir, que a tendencia á utilización do blog como medio de comunicación é, na practica, equivalente á dos homes.
Este dato cobra máis importancia se o poñemos en relación con o dato equivalente procedente da II encuesta a bloggers, realizada en España a máis de 2.000 persoas blogueiras, na que a porcentaxe de mulleres era do 27,9%, moi inferior ao 35% que rexistramos en Galiza.
Outro dato diferente, tamén esperanzador para as aspiracións das mulleres, é o da presenza feminina nos que denominamos blogs colectivos. Sen que o xeito en que foron recollidos os datos para estes blogs a varias mans permita cuantificar exactamente a súa participación, a impresión que se desprende do censo é que a tendencia das mulleres á colaboración con outras mulleres e con homes é maior que a que se deriva da súa presenza nos blogs individuais, podendo mesmo ser superior á dos homes.
- nando
- http://estrelaselimons.blogsome.com/ Fernando Garrido
- Calidonia
Véndese
Interesad@ na mellor enciclopedia galega e en galego para ti ou para un agasallo? Conséguea de segunda man e case nova por menos do 15% do seu prezo de mercado aquí.
Traducir·Traduzir·Translate
Servizo fornecido por OpenTradFacebook
Indicadores IGE
Etiquetas
#15m #22m 2011 abstención alcaldía autonómicas bipartito bng canción cis concello coruña demografía dixital economía eleccións enquisa estatística estimación facenda galego galicia galiza house effects inquérito lingua localización mapa multimedia municipais municipal música nacionalismo partido poboación política postelectoral psoe reprodutor resultado sondaxe songbird tradución voto xunta






