Despois de pasar bastantes traballos por fin estou en disposición de contarvos algúns resultados sobre a miña análise da comundiade blogueira en galego.

Introdución

Os últimos esforzos de identificación e contabilización realizados pola comunidade blogueira a finais de 2005 e comezos de 2006 sitúan a cifra en torno aos 1.000 blogs.

BloGaliza é unha web onde maís de 150 blogs galegos verten de forma conxunta os seus contidos, pero arredor desa iniciativa creouse un grupo de traballo autoorganizado que desenvolve tarefas moi interesantes, entre elas a coordinación nos esforzos de seguimento dos blogs e o desenvolvemento de novas aplicacións e servizos baseados nos contidos dos blogs galegos.

mil_e_un_blogs_en_galego_1

Este artigo susténtase nunha base de datos de blogs en -e con- galego, elaborada paciente e obstinadamente a partir da información recompilada a través de varias fontes: a información reunida e publicada desinteresadamente por outras persoas -teño que recoñecer aquí o traballo de Ascárida, Goretoxo, Dorfun e Lantania-, procuras semiautomáticas nos principais buscadores de blogs -sobre as palabras máis frecuentes en galego, tanto na normativa oficial canto na reintegracionista- e navegación persoal. Esta base de datos é a que permitiu realizar unha análise sociolóxica sobre a comunidade blogueira.

En total logrouse reunir información sobre 1.032 blogs diferentes, cuxo criterio de inclusión pasaba pola utilización da lingua galega en todas ou en algunhas das súas postaxes. Temos, deste xeito, reunida información sobre blogs en galego ao cento por cento, en normativa oficial ou reintegracionista, e blos multilingües, onde o galego convive en diferentes proporcións con outros idiomas -castelán fundamentalmente, pero tamén portugués, inglés, francés, alemán, sueco….

Nesta listaxe de máis de 1.000 blogs xa se produciu un primeiro tratamento da información, consistente en asociar os blogs da mesma autoría a unha única entrada na base de datos. Bastantes blogs comezan sendo creados nun servidor para despois iniciar unha peregrinaxe por outros servidores, xeralmente tentando mellorar a calidade do servizo e as posibilidades de expansión con novas funcionalidades. A maior dificultade nestes casos é a mudanza nos nomes dos blogs ou o feito de que os autores non integren nos novos blogs os contidos anteriores ou non sitúen unha ligazón a aqueles. Tamén hai blogs que teñen asociados fotoblogs ou sub-blogs, e tamén neses casos procurouse reunilos nunha única entrada. Aproximadamente un 6% das entradas correspóndense a casos coma estes.

Creación de blogs

O número de blogs que se crean cada ano seguiu unha evolución exponencial, como pode apreciarse no seguinte gráfico:

Os datos indican que as primeiras postaxes datarían do ano 1996, e existen un número significativo delas en 1999, se ben é certo que a data pode estar modificada, e pensamos que a data máis certeira sería a do ano 2001. En calquera caso estas primeiras incursións no mundo dos blogs non deixarían de ser excepcionais até o ano 2002, cando comeza a haber unha creación constante de varias unidades por cuadrimestre.

Os datos indican que é no ano 2005 cando se produce o ‘boom’ na creación de blogs, atinxindo os blogs de nova creación a cifra de 600. Este punto álxido teríase alcanzado no primeiro cuadrimestre do ano, até tal punto que parece que o ritmo de creación tería sido menor nos dous cuadrimestres seguintes.

Este indicio dun posíbel ritmo de ralentización na creación de blogs pensamos que pode estar influído por un fenómeno de retardo na identificación de novos blogs. Con efecto, é normal que entre a data de creación dun blog e a súa difusión e coñecemento por parte doutros blogs e a súa aparición nos principais buscadores exista un lapso de tempo, que podemos situar en aproximadamente un mes pero que pode variar moito segundo cada caso.

A evolución mundial do número de blogs lonxe de chegar a deterse está en plena expansión, tamén nos países máis avanzados onde aínda non alcanzou unha etapa de madurez que free o seu crecemento.

 

10 Responses to 1000 e 1 blogs en galego (I): Número

  1. Xerelo di:

    Parabéns polo voso traballo, creo que é moi importante reflectir a presenza do galego na rede.

    A saúde do galego na rede é boa, con exemplos como a galipedia situada nun moi bo lugar por número de artigos, mais son moitos os galegos que descoñecen esta realidade.

    Afeitos a un mundo en castelán, de xeito automático navegan polo mundo hispano sen saber da riqueza das webs en galego. Calquera iniciativa que axude a que se decaten e as coñezan, é unha boa iniciativa.

  2. Calidonia di:

    Habería que esperar a ver a que se debe, e aínda que a explicación do retardo é a máis plausíbel ápunto outras posibilidades:

    a) Efecto moda, irrupción ou innovación. Máis apreciábel en comunidades pequenas onde existen relación interpersoais non restritamente virtuais que disparan o crecemento nun determinado momento. Tamén o efecto mediático produce un achegamento aos blos de persoas que poden chegar a crear o seu pero que máis tarde déixano, ao non ser ese o territorio habitual no que se moven na rede.

    b) Relacionado co anterior sería un progresivo descenso do uso do galego nas novas xeracións, consonte o que manifestan os informes sobre o uso da lingua e que vén sendo anunciados nos medios ultimamente. É posíbel que nun primeiro momento se achegaran aos blos as persoas galegofalantes non necesariamente novas ou mozas, de idades superiores aos 25 anos poñamos por caso, e que agora a creación de blos se corresponda de forma máis central coa mocidade de menos de 25, onde o uso do galego é, como sabemos, menor.

  3. opaco di:

    Bo traballo, concordo en que a ralentización debe ter que ver máis coa cantidade de plataformas dispoñibles para crear un blo que co descenso no seu número.
    Eu sigo poñendo os novos no meu agregador pero o seu número fai que bote por fora da miña capacidade para clasificalos.
    Agardando máis entradas…

  4. Anonymous di:

    Parabéns polo traballo. Estou desexando ler a segunda parte.

  5. Calidonia di:

    Dándolle maís voltas ao asunto, semella haber outra posíbel razón para o descenso nos dous últimos cuadrimestres do 2005 a respecto do primeiro. E é un efecto estacionario, polo cal en todos os anos analizados créanse máis blos entre xaneiro e abril.

    Fixen un rápido reconto dos blos creados en xaneiro de 2006, cando menos dos que teño coñecemento, non esquezamos o retardo. E sáeme unha contaxe mensual de 45 blos.

    isto suporía, de seguir a progresión, que no primeiro cuadrimestre poderían atinxirse 180 novos blos, se callar algúns máis, poñamos 200. Isto significaría unha cifra menor que a do primeiro cuadrimestre de 2005 e ratificaría un certo descenso.

  6. dorfun di:

    …estes últimos días, a dúbida “trascendestal” que me corroe [:D], é se todas as bitácoras quererán/aceptarán estar sindicadas na blogaliza/del.icio.us/bloglines/… pero probablemente, esa será outra historia…

    …felicidades polo fantástico traballo de campo feito!!! (xa podes facer unha tese! ;P

  7. Ancos di:

    Como digo en http://caraaovento.blogspot.com, todo un contraste entre a túa análise e o informe que elaborou ou ObervatorioTIC.

  8. Aultre Narai di:

    uffffffffff impresionante :)

    mágoa que non se poida aplaudir pola rede. por certo, dos blogs falan esta semana na revista QUÉ LEER. moi interesante

  9. acedre di:

    De verdade que hai que agradecer o traballo que levastes para chegar a esta conclusion.
    Un saudo.

  10. Que viva ese afán investigador e noraboa.

    Explicacións ao efecto estacionario. Interesoume a cousa, parece que entra no listado de cousas boas a facer no novo ano: dieta, ximnasio, abandoar malos hábitos, facer un bló…

    Unha mirada de admiración para tódolos pesquisadores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*