Ao celtismo pola xenetica

Nos estudos máis recentes sobre xenealoxía coinciden á hora de reforzar a importancia das migracións por vía marítima entre a Península Ibérica e o norte do continente europeo hai miles de anos. Esta hipótese remítese ao fin da última glaciación, período a partir do cal os continxentes humanos repoboarían a metade norte da fachada atlántica europea en continuas e sucesivas migracións desde o sur.

Nos últimos anos diversos estudos científicos de unha e doutra banda do mar Cantábrico veñen a pór de manifesto as características comúns partilladas por cando menos parte das poboacións das chamadas nacións celtas. Estas son varias ligazóns xornalísticas que falan destes achados:

Galicia é unha das comunidades xeneticamente máis uniformes.

DNA shows Scots and Irish should look to Spain for their ancestry (O ADN amosa que escoceses e irlandeses deben buscar os seus antepasados en España).

We’r not celts at all but galicians (Non somos celtas, senón galegos).

Celts descended from Spanish fishermen, study finds (Un estudo acha que os celtas descenden dos pescadores españois).

English, Irish, Scots: They’re All One, Genes Suggest (Ingleses, irlandeses, escoceses: Todos son o mesmo, sostén a xenética).

Antes da proliferación de noticias eu xa tiña botado un ollo a algún dos estudos publicados, concretamente a este artigo aloxado no arquivo central da medicina pública dos EUA, onde se poden achar traballos das máis prestixiosas revistas científicas da materia. No estudo que cito participaron investigadores do Instituto de Medicina Legal da USC e nel afírmase que a poboación do territorio Galiza (GA) ten un grao de diversidade xenética moi semellante ao de Gales (WA), Escocia (SC), Irlanda (IR), e, en menor medida, ao resto das nacións celtas. Alén diso, outras zonas atlánticas como Islandia (IC) e Suecia (SE) tamén se localizan moi preto de nós. Reproduzo un extracto da exposición inicial do artigo:

Celtic languages are now spoken only on the Atlantic facade of Europe, mainly in Britain and Ireland, but were spoken more widely in western and central Europe until the collapse of the Roman Empire in the first millennium A.D. It has been common to couple archaeological evidence for the expansion of Iron Age elites in central Europe with the dispersal of these languages and of Celtic ethnicity and to posit a central European “homeland” for the Celtic peoples. More recently, however, archaeologists have questioned this “migrationist” view of Celtic ethnogenesis. The proposition of a central European ancestry should be testable by examining the distribution of genetic markers; however, although Y-chromosome patterns in Atlantic Europe show little evidence of central European influence, there has hitherto been insufficient data to confirm this by use of mitochondrial DNA (mtDNA). Here, we present both new mtDNA data from Ireland and a novel analysis of a greatly enlarged European mtDNA database. We show that mtDNA lineages, when analyzed in sufficiently large numbers, display patterns significantly similar to a large fraction of both Y-chromosome and autosomal variation. These multiple genetic marker systems indicate a shared ancestry throughout the Atlantic zone, from northern Iberia to western Scandinavia, that dates back to the end of the last Ice Age.

O fundamento de tal afirmación reside na análise xenética de mostras de ADN humano recollidas ao longo e largo do continente europeo, nun número suficiente como para poder identificar non só estados senón nacións e rexións. O ADN mitocondrial, que é o que se transmite de nai a filla, posúe uns marcadores xenéticos chamados haplogrupos cuxa evolución no tempo é moi conservadora, o que permite rastrexar cara atrás no tempo os cambios producidos na especie. A partir das diferenzas que se rexistran entre lugares máis ou menos distantes pódese inducir unha cronoloxía das migracións humanas desde as súas orixes no mesmo continente africano até os nosos días. Un destes indicadores permite medir o nivel de diversidade dos humanos asentados actualmente nun territorio, isto é, o grao de permeabilidade ou impermeabilidade dun colectivo humano.

Estes estudos presentan conclusións non idénticas pero si semellantes que apuntan na mesma dirección: os vínculos entre estes territorios mar mediante. É certo que as conclusións non son verdades reveladas, pero son as mellores probas científicas que polo de agora existen. Estanse a facer esforzos continuos pola ampliación das bases de datos de ADN que son públicas e que os investigadores partillan para estes mesteres.

Naturalmente non todo son coincidencias nesta carreira investigadora e existen tamén estudos que tiran conclusións diferentes. Neste caso por exemplo todo indica que as mostras que representan ao territorio español (Madrid e Barcelona) ou ao portugués (Lisboa) non poden dar conta de toda a diversidade xenética que existe na Península. En calquera caso non existe a verdade absoluta e como ben se comenta en múltiples foros o debate sobre o celtismo está cheo de dogmas e ataduras, a favor e en contra, das que é conveniente librarse para poder analizalo con rigor. Non debemos esquecer que o territorio galego nutriuse ao longo da Historia de múltiples achegas de pobos e culturas diferentes, pero tampouco negar a evidencia de que hai un vínculo que nos une a outro territorios a través de Atlantico.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*